top of page
Writer's pictureSoncello

Crónica do V Curso de Verán Soncello

Cartel do V Curso Soncello 2024

Entre os días 30 de xuño e o 6 de xullo tivo lugar unha nova edición do Curso de Verán de Soncello. E xa imos pola quinta! Xa pasaron nada menos que 5 anos desde o curso pasado, así que xa tiñamos moitas ganas, e tanto alumnado coma o profesorado pasamos unha semana fantástica, chea de clases, concertos e moita música.


Os profesores encargados de impartir o curso foron Carolina Landriscini, Isabel Figueroa e Iván Nogueira. O emplazamento escollido foi o mesma que en 2019: Panxón, no concello de Nigrán. Un pobo costeiro de Pontevedra, que nos acolleu de luxo.


Isabel Figueroa e Brenda VIdal interpretan a Sonata de M. Bonis

O curso comezou o domingo 30 de xuño coa recepción do alumnado no CEE de Panxón. Despois dunha primeira toma de contacto con todos os compañeiros e as instalacións do curso, dirixímonos cara o Auditorio de Nigrán, onde se celebraría o concerto inaugural do curso. Este concerto correu a cargo do profesorado do curso e da pianista Brenda Vidal con música de Bach, M. Bonis e música tradicional irlandesa e galega.


Sesión diaria de estiramentos a cargo de Isabel Figueroa

Despois dun bo almorzo, as mañás en Panxón comezaban cunha sesión de estiramentos impartida por Isabel, xa que o coidado e a conciencia corporal axúdanos a manexar mellor as longas sesións de práctica instrumental, e previr posibles lesións. Ás 10:00 horas comezaban as clases instrumentais, impartidas por Carolina e Iván. Nestas clases o alumnado traballou co profesorado todo tipo de cuestións técnicas e musicais, ao tempo que preparaban o repertorio que interpretarían no concerto final do alumnado que tería lugar o venres día 5.


Ás 12:30 despois dun pequeno descanso comezaban as clases de música de cámara. Os nosos violonchelistas formaron diferentes grupos, todos eles compostos por violonchelos, home non! Polos corredores soaban compositores de todo tipo: Vivaldi, Schubert ou Bartok.


Obradoiro de "arranxos musicais" a cargo de Iván Nogueira

Ás 13.30 horas tocaba asistir aos obradoiros que os nosos profesores tiñan preparados para o curso. Carolina salientounos a importancia dunha correcta condución do arco para unha adecuada produción sonora, mentres propuxo diferentes exercicios para conseguilo. Isabel, pola súa banda, propúxonos unha sesión colectiva de escalas, parte esencial da rutina de calquera instrumentista, pero que ás veces tanto nos custa abarcar... E Iván, pola súa banda, animounos a compoñer o noso propio "arranxo musical" en grupo, a partir dunha partitura con instrucións básicas. Partindo da base melódica e harmónica da canción “Bad Habits” de Ed Sheeran, desenvolvemos un baixo, o acompañamento, as texturas e a estrutura. ¡Pasámolo de medo!


Carme e Gema ensaiando na orquesta de cellos

Despois do xantar e un pequeno descanso, comezaba o ensaio da orquestra de violoncellos, dirixido por Isabel. Tocar nunha orquestra require unha serie de habilidades moi importantes como a escoita, a precisión rítmica, a afinación e un bo sentido do papel que xogamos no conxunto. O resultado puido escoitarse o último día do curso durante o concerto de clausura no CEE de Panxón.


Ovación final tralo concerto de Carolina Landriscini e Jorge Suárez

Unha vez rematado o ensaio da orquestra, os nosos alumnos podían desfrutar do seu tempo libre, coas actividades organizadas pola monitora do curso, Andrea.


Chegado o mércores 3 de xullo tivemos o segundo dos concertos do Curso de Verán de Soncello. O emprazamento desta volta foi a Igrexa de Santiago de Parada, construída no século XIII e nun fantástico estado de conservación. A acústica da igrexa contribuíu de xeito notable ao repertorio ofrecido por Carolina Landriscini e Jorge Suárez: Suite III de J.S. Bach, e a Suite de Cassadó, ambas para violoncello solo. A igrexa encheuse para a ocasión, e o público respondeu cunha cálida e entusiasta acollida.


Jimena Andión e Jorge Suárez conversan con Soncello

Na noite do xoves, 4 de xullo, chegou a hora dunha nova edición de “Conversando con Soncello”. Nestas charlas, o noso obxectivo é coñecer máis sobre o traballo de violonchelistas de todo tipo de perfís. Nesta edición falamos con dous convidades excepcionais: Jimena Andión e Jorge Suárez, que compartiron connosco as súas experiencias coma estudantes en Polonia, Italia e Alemaña, entre outras moitas cousas.


E chegou o venres 5 de xullo e os nervios comezaban a aflorar entre o alumnado, que se apuraban as súas últimas horas de estudo. Ás 21.00 horas tivo lugar o concerto no Auditorio de Nigrán, coa colaboración de Brenda, pianista do curso. O alumnado presentou as pezas que traballaron ao longo da semana, entre as que puidemos escoitar música de compositores coma Popper, Duport, Rachmaninov ou Saint-Saëns. O concerto continuou coa interpretación de Adagio e Allegro de R. Schumann, interpretada polo noso violoncellista convidado Jorge Suárez e Brenda Vidal ao piano. Para pechar o concerto, Jorge incorporouse ao profesorado do curso para ofrecer música de Tchaikovsky e Grützmacher en formato de cuarteto de violoncellos.


O sábado 6 de xullo ao mediodía pechouse o curso con outro fantástico concerto, esta vez a cargo dos grupos de música de cámara e da orquestra de violoncellos. Un concerto familiar e festivo, do que todos saímos cun gran sabor de boca.


Dende Soncello queremos darlle un gran agradecemento a todos os que fixeron posible esta edición: alumnos, pais e familias, profesores, músicos convidados, a nosa monitora, catering, Concello de Nigrán, Panxón CEE... Moitas grazas, ata o próximo ano!


Foto de familia. Ata o próximo ano!



1 view0 comments

Comments


bottom of page